lunes, 29 de enero de 2007

Santiago Múltiple


As cidades non son un mero escenario no que de cando en vez acontecen os máis diversos sucesos, senón o resultado conxunto da acción e do discurso dos diferentes sectores sociais que nelas conviven. Son unha forma de representación que se compón de imaxes e textos, unha creación cultural na que se expresan valores ideolóxicos e normas de comportamento que a dotan de significados que determinan quen pertence a un lugar e quen queda excluído. A estrutura da cidade axuda a organizar as relacións familiares, sexuais ou sociais e coproduce o contexto no cal as regras se interiorizan en hábitos para asegurar a conformidade social. Mediante as formas arquitectónicas estendemos os nosos corpos, prolongamos as nosas peles, dilatamos os nosos desexos e facémonos máis conscientes da nosa corporeidade.


Os espazos non son algo inerte, senón lugares cambiantes e significativos na construción da identidade. Tampouco posúen significados inherentes a eles; ao contrario estes veñen dados polas actividades que neles se desenvolven. A cidade é un conxunto de identidades que se suman, se confrontan ou viven máis ou menos illadas unhas doutras. Por iso, cos nosos actos, podemos favorecer a creación de espazos excluíntes ou convivenciais e alentar a complicidade entre as diferentes realidades coexistentes ou xerar illamento e exclusión. É necesario reinterpretar o espazo construído e, máis que da cidade, cómpre falar das diferentes cidades que existen en cada unha delas, diferentes según as diferencias sociais, culturais ou sexuais das persoas que as habitan.

Evidentemente, a cidade é o construído, o máis obxectivo e visible, pero tamén é o constituído polos usos sociais, as normas e as institucións. Por exemplo, a casa, pode ser un lugar seguro, un espazo onde esconderse ou unha trampa; as rúas e os parques, que para algúns son espazos de liberación e descubrimento, para outras poden resultar lugares inaccesibles ou perigosos. Por iso, deberiamos ser conscientes de que non viven o espazo doméstico do mesmo xeito –nin habitan a mesma cidade– un mozo sen emprego e un empresario, un home e unha muller, un europeo e un inmigrante, un matrimonio con fillos e un gay ou unha lesbiana, cadaquén leva aparellado un conxunto de aspectos que condicionan as súas vivencias sociais e persoais. É, por tanto, a suma de todas esas posibles cidades en pugna o que conformaa cidade en que vivimos. É preciso facer visibles os sectores desposuídos e entender os espazos públicos como unha oportunidade para crear espazos de mestura multifacética da diversa realidade cidadá.Este seminario busca o cuestionamento dos espazos e das identidades, da arquitectura e dos xéneros, pois entende que unha das tarefas pendentes na cidade é a reinvención das relacións e do erotismo nas súas rúas para convertela nun lugar de visibilidade e sentido, pero tamén de misterio e transgresión.

Cuestionando as categorías do inmutable e do normativo póñense en dúbida as relacións entre o público e o privado, o político e o persoal, o interior e o exterior. Este é un seminario que desexa incidir no lúdico, na capacidade de xogar, e que valora a ironía e o humor como factores transgresores do correcto.Un proxecto que potencia e valora os territorios plurais e variados que conformano cotián e configuran a micropolítica do poder.

José Miguel G. Cortés

No hay comentarios.: